Os abaixo asinantes, autores, libreiros, editores, asociacións de creadores e lectores de BD galega, queremos manifestar o noso profundo malestar ante os sucesivos pasos atrás dados polas institucións en apoio do noso sector.
Non vivimos alleos a crise económica na que estamos inmersos, e somos conscientes de que todos os ámbitos están a sufrir recortes nos seus orzamentos, recortes que teñen efectos dramáticos na educación, sanidade, etc. e consecuencias negativas no desenvolvemento, pero opoñémonos frontalmente a que, neste contexto, o soporte da cultura sexa visto polos nosos poderes públicos como algo directamente prescindible.
Por iso amosamos a nosa repulsa polos seguintes incumprimentos da Xunta de Galicia:
-
O incumprimento do anuncio mediático dun orzamento de 600.000 € como inversión en BD por parte da Consellería de Cultura.
- O incumprimento no que vai de ano do anuncio da conversión das bolsas para a creación de BD nuns premios, tralo fracaso das bases da primeira convocatoria.
- A decisión aparente da Xunta de Galicia de deixar de adquirir este ano bandas deseñadas para as bibliotecas.
- A falta de apoio para as Xornadas de Ourense, cita decana da BD en Galicia (22 anos), que se celebran baixo mínimos grazas á participación dos autores.
- A falta de convocatoria por parte da Consellería de Traballo e Benestar, polo menos até o de agora, do certame máis lonxevo e único para autores noveis de BD galega, o das Xornadas de Ourense, coñecido nos últimos tempos como GZ Crea ou Xuventude Crea, pero que con diferentes denominacións atesoura unha historia de 25 anos de primeiros e ilusionantes traballos de actuais figuras do panorama nacional.
Un medio de expresión que non coñeceu tal efervescencia creativa, na nosa terra, en ningún momento anterior da súa historia. O seu prestixio é coñecido no interior e no exterior das nosas fronteiras, e sen dúbida é unha das disciplinas artísticas con maior recoñecemento, tal como corrobora a longa lista de premios e publicacións dos autores galegos.
A recente creación de empresas editoriais especializadas en BD, nadas da man de autores, e a aparición nas editoras galegas tradicionais de coleccións e edicións de bandas deseñadas, fixo posible que os nosos artistas creasen -e os lectores galegos tivesen- obras na súa propia lingua. E como confirmación dese interese do público polos nosos creadores, as devanditas obras foron tamén simultaneamente exportadas a outras linguas, a outros países.
A influencia dos medios de expresión na difusión cultural dun país é evidente. As accións de apoio institucional seguen a ser necesarias nun eido da cultura como é o da BD galega, cun tecido industrial moi novo e sensible. No momento de maior auxe e recoñecemento do medio, estes pasos atrás empobrecen o presente, e aínda peor, o futuro dos nosos creadores, das nosas artes e da visión de Galicia no mundo.
Quereríamos pensar que as cousas pódense cambiar, que podemos atopar nos axentes políticos unha certa disposición a revisar e negociar a súa política de recortes dialogando co sector. Diálogo real e non só o trámite baleiro no que se convertera a Mesa da BD. Negámonos a que o apoio institucional a unha das nosas disciplinas artísticas con máis potencial creativo actualmente desapareza sen que nin sequera a opinión pública sexa consciente, polo que vémonos na obriga de facer público este documento.
Actualización 05/10/2011
Faise público que a Xunta non convocará os certames Xuventude Crea este ano, o que confirma definitivamente outro recorte dos referidos na carta anterior.
Actualización 20/10/2011
A Consellería de Cultura cancela 300.000 euros de axudas as pequenas entidades, que foran convocadas o pasado maio e estaban pendentes de resolución.